Monday 06 de May de 2024

Medio Ambiente e Vegalsa-Eroski activan unha campaña para recordar que as luvas e máscaras deben desbotarse no contedor da fracción resto


A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destaca que a crise da covid-19 obrigou á sociedade a facer un uso xeneralizado e diario destes produtos de hixiene e protección, que deben ser depositados de xeito axeitado ao final da súa vida útil para facilitar unha correcta xestión
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e a compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski veñen de sumar esforzos para poñer en marcha unha campaña de concienciación e divulgación para o depósito de refugallos de material de hixiene e protección (luvas e máscaras) ante a crise da covid-19.

Ángeles Vázquez e o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, asinaron un protocolo de colaboración para activar unha serie de actuacións informativas, que se desenvolverán a través da rede comercial desta entidade, sobre as boas prácticas en relación con este tipo de residuos.

Tal e como explicou Vázquez Mejuto, a pandemia do coronavirus obrigou á sociedade a paralizar moitas das actividades habituais; pero tamén trouxo outros costumes novos, como o uso de luvas nos supermercados e de máscaras, sempre que non sexa posible manter a distancia de seguridade interpersoal. Así, esta situación provocou un uso xeneralizado e diario destes elementos de hixiene e protección que se deben desbotar de forma axeitada ao final da súa vida útil.

Aclarou que unha vez que este material se converte nun refugallo debe depositarse nos contedores de fracción resto (bolsa negra), xunto cos residuos de orixe doméstica, e recordou que esta cuestión xa foi abordada en abril nunha reunión da Cecop; pero insistiu na importancia de incidir no seu correcto depósito, sobre todo tendo en conta que as máscaras e as luvas son de uso frecuente e xeneralizado para a maioría de poboación.

A conselleira tamén sinalou que nas últimas semanas se vén observado moita “basuraleza” deste tipo nas rúas das vilas galegas, polo que é preciso que os cidadáns comprendan que -ao igual que calquera tipo de residuo- non se debe tirar ao chan; e apostou por facer un uso responsable destes materiais de protección.

Por último, engadiu que -ás portas da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente- a sociedade debe ser consciente da importancia das accións individuais diarias, pois son a mellor ferramenta para protexer e conservar o medio ambiente; polo que invitou a reflexionar sobre a capacidade de minimizar ao máximo posible o impacto das condutas individuais sobre o medio ambiente.